A porta do garaxe do 24 da rúa da Rosa mostra unha paisaxe retratada por Carla Andrade (Vigo, 1983). Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Salamanca, na súa obra traballa nos límites da materialidade, xogando co baleiro e coa cor como metáforas da ausencia e da fraxilidade. A foto que expón en Compostela Photo pertencie á súa serie Path To Land, na que se cuestiona a idea de camiño como orixe: “O camiño guíanos e evita ir á deriva”, explica, “pero o seu final é impredicible. O camiño mostra o que aínda está por ser, ou o que aínda non chegou a ser. É un misterio en si mesmo. Deste xeito, o camiño como descoñecemento fundamental do ser humano contén unha profunda carga simbólica: todos o buscamos para saber e á vez para soñar co que non se sabe”

O proxecto Path To Land “reflexiona tamén sobre a idea de camiño como medio do ser humano para abrirse paso na natureza, evidenciando a necesidade do artificial ante unha natureza poderosa e indómita ante a que so podemos dobregarnos”. Neste sentido, para Carla Andrade o Camiño de Santiago “é un símbolo imprescindible da nosa cultura, máis aló da atracción turística e dos beneficios económicos que reporta”.

A xuízo de Carla Andrade, a arte urbana é “fundamental para que estes códigos sexan asimilados, interiorizados e, polo tanto, gozados polo espectador. Ao fin e ao cabo, a creación de pensamento é sempre liberdade e riqueza”.