Fotógrafos profesionais e afeccionados poderán compartir o próximo sábado 19 unha mañá percorrendo as rúas e os espazos máis singulares de Santiago. O percorrido fotográfico, organizado dentro da programación do festival Compostela Photo, descubrirá algúns recantos simbólicos da cidade xacobea e do final do Camiño de Santiago. Compostela Photo, a mostra de imaxes que adornan os portóns de 15 garaxes do Ensanche santiagués, é unha iniciativa de Santiago Centro co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.

O percorrido comezará ás 11h. e o punto de encontro é a Galería Metro (rúa Xeneral Pardiñas, nº 12-16). Os fotógrafos estarán acompañados polo artista visual Fuco Reyes, participante na exposición de Compostela Photo. El será o encargado de levar aos participantes a recunchos imprescindibles para comprender a cidade e retratala. A actividade durará dúas horas e media, aproximadamente, e para anotarse é preciso enviar un correo ao mail compostelaphoto@santiagocentro.gal.

Esta actividade está incluída dentro da programación de Compostela Photo, que cubriu coa obra de quince fotógrafos consagrados e emerxentes os portóns doutros tantos garaxes do Ensanche. As imaxes, centradas no Camiño de Santiago, reproduciranse durante todo un ano, convertendo a zona nun atractivo para locais e foráneos durante todo o ano. Cun formato novidoso e integrado na cidade, Compostela Photo quere, por unha banda, promover o coñecemento das creacións de fotógrafos contemporáneos entre o público, e, pola outra, poñer en valor a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago. Un terceiro obxectivo é a dinamización da vida cultural e comercial no Ensanche.