Despois da parada obrigada pola crise do coronavirus, Compostela Photo volve botar a andar. Tras reestruturar a súa programación, o festival artístico que cubrirá 15 portóns de garaxes do Ensanche compostelán con imaxes relacionadas co Camiño inaugurarase este verán. Ademais, amplía o prazo para participar no certame paralelo para fotógrafos profesionais ou afeccionados. Santiago Centro organiza o evento, cofinanciado pola Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.

A admisión de fotografías para o certame amplíase ata o día 15 de setembro. En consonancia coa temática de Compostela Photo, as propostas deben estar relacionadas cos valores naturais, históricos, espirituais, culturais, artísticos ou humanos do Camiño de Santiago. Os candidatos deberán enviar un máximo de tres imaxes en formato dixital, cunha resolución mínima de 72 ppp e nun tamaño non inferior a 800 píxeles na súa medida máis curta, ao correo compostelaphoto@santiagocentro.gal, indicando DNI e datos de contacto e incluíndo unha autorización asinada para a exposición e difusión da obra dentro do certame.

Vinte obras seleccionadas por un xurado de profesionais da arte e da fotografía exhibiranse tanto nun site de internet propio coma nas pantallas de leds da Praza Roxa, sumándose así á programación do Festival, cuxas obras estará expostas durante 12 meses nos portóns de garaxes do Ensanche.

Adiado por causa da crise da covid-19, Compostela Photo fixa agora o mes de xullo para a súa apertura, coa participación de 15 creadores contemporáneos galegos e do resto de España. Na lista figurarán nomes moi coñecidos do panorama fotográfico nacional, así como artistas emerxentes, o que garante a calidade das obras expostas. Ademais da exposición de 15 fotografías de gran formato, Compostela Photo incluirá visitas guiadas durante todo o ano (singularizadas para distintos colectivos e a realizar en colaboración co Programa de Voluntariado da Universidade de Santiago) e percorridos fotográficos pola cidade e polo Camiño. Ademais, editarase unha guía de visita dispoñible nas principais oficinas de turismo e establecementos do Camiño.

Desde un formato orixinal e novidoso, Compostela Photo quere, por unha banda, promover o coñecemento das creacións de fotógrafos contemporáneos entre o público, e, pola outra, poñer en valor a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago. Un terceiro obxectivo é a dinamización da vida cultural e comercial no Ensanche, atraendo os moitos visitantes que chegan á cidade cada ano, nun número que se incrementará considerablemente ao se achegar o ano Xacobeo 2021. O director da mostra será Javier Blanco, titular da galería de arte Metro, radicada no Ensanche, e responsable tamén de Pasearte.