- 120 fotografías de veciños, comerciantes e turistas integran a mostra, realizada dentro da programación do festival de arte urbana Compostela Photo
- A concelleira María Rozas, o presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández, o comisario Javier Blanco e o presidente do Fotoforum, Fuco Reyes, asistiron ao acto
- A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo e do Concello de Santiago, e poderase contemplar ata o próximo 15 de outubro
Santiago Centro inaugurou esta mañá a exposición O Ensanche retratado, unha mostra urbana de fotografía enmarcada dentro do proxecto Compostela Photo, que conta co apoio do Xacobeo e do Concello de Santiago. Á apertura asistiron María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago; Fuco Reyes, presidente do Fotoforum Compostela; Javier Blanco Lado, comisario da exposición; e José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro, Área Comercial. O Ensanche Retratado consiste en 115 fotografías de gran formato que penduran desde inicios da semana nos farois dalgunhas das rúas máis transitadas do Ensanche compostelán. Nelas figuran retratos de medio corpo e en branco e negro de veciños e veciñas da zona nova, realizadas no marco dunha das actividades paralelas do festival Compostela Photo, en colaboración co Fotoforum Compostela. Trátase da obra de fotógrafos afeccionados que buscan, con estas imaxes, reforzar os vínculos entre os habitantes do barrio, os comerciantes e os visitantes. Estará exposta ata mediados do próximo mes de outubro nas rúas Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas, Montero Ríos, República do Salvador e Praza Roxa.
“Esta é unha iniciativa moi interesante, axuda a xerar comunidade e a xerar barrio, e dígoo como concelleira de Comercio pero tamén como veciña do Ensanche”, apuntou María Rozas, que incidiu na “intriga e a ilusión de moitos veciños cando se viron nestas fotos”. José María Fernández, presidente de Santiago Centro, recordou que a asociación de comerciantes da zona nova compostelá “leva anos apostando por mesturar comercio con cultura, con Compostela Photo ou con Pasearte. É importante que na cidade pasen cousas e que a xente de fóra e de aquí teña razóns para visitármonos, non só pola zona vella. Sempre digo que o comercio ten que atraer xente á rúa para que despois entre no establecemento”. Pola súa banda, Javier Blanco describiu O Ensanche retratado como “unha acción que complementa perfectamente a programación de Compostela Photo”, mostra da que é comisario e que cobre os portóns de 15 garaxes do barrio con imaxes de gran formato. Fuco Reyes, do Fotoforum Compostela, describiu como foi o proceso de captación das imaxes, realizado a finais de 2022. Máis de trinta fotógrafos afeccionados percorreron o Ensanche “pedíndolle á xente que atopaban, veciños, comerciantes ou turistas, permiso para facerlles un retrato. Esa é a primeira barreira que queriamos derrubar, a da vergoña a pedir autorización”.
Segue Compostela Photo En paralelo, quen pasee ou merque no Ensanche pode seguir gozando de Compostela Photo, a exposición fotográfica nos portóns dos garaxes que repercutiu moi favorablemente na estética da contorna urbana desta zona de Compostela, como amosa o elevado interese das comunidades de veciños involucradas por manter a iniciativa, e de novos edificios por integrarse nela. Entre as fotos atópanse obras de primeiras figuras da imaxe galega, artistas emerxentes e fotógrafos non profesionais que conseguiron estampas de gran calidade visual.
Comentarios recientes