Verónica Vicente (Tomiño, 1988) licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo, dedicándose profesionalmente á fotografía. A súa obra está presente en coleccións da Fundación Enaire, Deputación Provincial de Cáceres, A Coruña e Pontevedra, do Centro d’Art La Panera, etcétera, e aborda temas como a identidade e o corpo como suxeito vulnerable, a fraxilidade humana, a eterna busca existencial e o carácter escultórico do corpo e a súa aparencia. Para Compostela Photo (República do Salvador, 16) propuxo “unha visión poética sobre a natureza identitaria. A figura da árbore é o símbolo dos ciclos vitais, das follas que caen no outono pero volven na primavera. É unha viaxe á orixe que conecta a cultura e a natureza.
A exposición destes traballos ao aire libre, nas rúas do Ensanche de Compostela, parécelle importante porque “por unha banda, achega a arte ou a fotografía de autor a calquera persoa, ao público en xeral, especializado ou non. É bo que a creación artística estea ao alcance de calquera, que poida facer reflexionar ou conmover coa beleza ou a poesía. E por outra banda, ocupa un espazo normalmente sen uso ou destinado a outro fin para chamar a atención sobre aquilo que se está a mostrar».
Vicente aposta polo Camiño de Santiago como “unha posta en valor da natureza vencellada ao camiño das nosas vidas, facer camiño co peso e a traxectoria de cada paso. O camiño que nos convida á reflexión do paso do tempo e nos conecta coa orixe máis íntima e persoal. A pesar de que está moi ligado ao turismo, unha grande parte segue a conservar a súa verdadeira esencia”.
Comentarios recientes