Os portóns dos garaxes do Ensanche compostelán mostran desde hoxe e ata o verán próximo a arte fotográfica máis actual coa celebración do festival Compostela Photo. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o comisario da mostra, Javier Blanco; e o presidente de Santiago Centro, Chema Fernández, deron a saída a esta iniciativa, cofinanciada pola Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.
A obra de quince fotógrafos consagrados e emerxentes, centrada en imaxes do Camiño de Santiago, reproducirase durante todo un ano en gran formato nas rúas da zona nova. Os paseantes, veciños e turistas, poderán contemplar fotografías de Vari Caramés, Manuel Valcárcel, Fuco Reyes, Ana Gil Rodríguez, Eva Díaz, David Catá, Sheila Pazos, Aida Pascual, Irene Cruz, Adolfo Enríquez, Carla Andrade, Tono Arias, Juan Adrio, Verónica Vicente e Marta Moreiras.
“Tratamos de facer unha selección equilibrada entre grandes nomes e promesas, ubicadas en portóns moi visibles de xeito que se poida organizar un paseo tranquilo para contemplalas”, apuntou o comisario, Javier Blanco, titular da galería de arte Metro. “O fío condutor”, dixo, “é o Camiño de Santiago entendido como paisaxe física, humana e cultural: a paisaxe natural e os paraxes singulares, e tamén a paisaxe humana dos territorios que cruza, coas singularidades das súas xentes; e máis paisaxe cultural modelada pola historia”. Para poder seguir este itinerario editáronse 20.000 planos que se poden obter nos comercios do Ensanche e nos principais puntos de información turística da cidade.
“Con esta iniciativa”, explicou Chema Fernández, “pretendemos incidir na idea do Ensanche como polo de interese cultural para Compostela, e vinculado coa idea de modernidade que sempre tivo”. Compostela Photo, afirmou, “serve tanto para achegar a arte contemporánea a veciños e foráneos como para facer máis agradable a contorna, aproveitando uns espazos que habitualmente fan o contrario, afean as rúas. E, por suposto, queremos servir ao obxectivo fundacional de Santiago Centro, atraer público aos comercios do Ensanche a través de iniciativas atractivas e orixinais”.
Esta é unha nova proposta de Santiago Centro para ligar o Ensanche compostelán coa arte de vangarda e entronca coa Mostra de Arte en Escaparates Pasearte, que o pasado Nadal celebrou a súa terceira edición. Compostela Photo exhibirase durante 12 meses e inclúe unha programación paralela cun certame fotográfico, visitas guiadas durante todo o ano e percorridos fotográficos pola cidade e polo Camiño.
En paralelo, fotógrafos profesionais ou afeccionados poderán participar nun certame fotográfico, aberto ata o 20 de setembro. En consonancia coa temática de Compostela Photo, as propostas deben estar relacionadas cos valores naturais, históricos, espirituais, culturais, artísticos ou humanos do Camiño de Santiago. Os candidatos deberán enviar un máximo de tres imaxes en formato dixital, cunha resolución mínima de 72 ppp e nun tamaño non inferior a 800 píxeles na súa medida máis curta, ao correo compostelaphoto@santiagocentro.gal, indicando DNI e datos de contacto e incluíndo unha autorización asinada para a exposición e difusión da obra dentro do certame. Vinte obras seleccionadas por un xurado de profesionais da arte e da fotografía exhibiranse tanto nun site de internet propio coma nas pantallas de leds da Praza Roxa, sumándose así á programación do Festival.
Comentarios recientes