Ana Gil Rodríguez (Ourense, 1973), doutora en Fotografía pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, explora na súa creación a pegada e a persistencia da memoria. Esta investigación é o motivo que inspira varias das súas series de imaxes, que lle valeron numerosos galardóns e a realización de exposicións en lugares como o Centro Galego de Arte Contemporánea ou a Galería Metro.
Para a súa obra en Compostela Photo, que se pode ver na rúa do Hórreo, 60, Gil escolleu unha imaxe do proxecto Destierros: “Durante catro invernos”, conta, “desde 2016 ata 2019, fixen seguimento dun mesmo elemento, unha pequena árbore abatida na localidade de O Cebreiro (Lugo). Inicialmente ía ser unha proposta estendida no tempo durante máis anos, pero no inverno de 2019 atopei, non sen emoción contida, que a miña criatura fora practicamente cortada. Aí rematou o relato”. A xénese do proxecto é “un seguimento á paisaxe baleira e aos habitantes que deben sobrevivir nela, concretamente nas zonas máis despoboadas de Galicia, onde o mundo rural perdeu a súa consideración de Arcadia. Todo o meu traballo xira arredor do concepto de resistencia: a árbore ferida resiste case morta, pero o suxeito que a mira asiste silente e case morto tamén a unha deterioración que non pode impedir e que contempla en silencio”.
“Resistir tamén é residir”, explica Ana Gil. “As paisaxes”, prosegue, “son construcións políticas e xeralmente responden a necesidades sociais. Pero entender a modernidade como parte dunha obsesión polo novo e o transitorio mediante unha ruptura frontal coa terra, coa orixe, coa infancia, cun colectivo perdido ou soñado, é unha idea de progreso indefinido que carrexa a súa propia decadencia e saca a relucir o lado escuro e degradado do territorio”.
Resistir es también residir, de manera que el dialogo que se establece entre mi producción artística y el territorio, plantea la resiliencia como una forma de sobreponerse a las insuficiencias consciente de los vacíos por donde atraviesa. Los paisajes son construcciones políticas y generalmente responden a necesidades sociales. Pero entender la modernidad como parte de una obsesión por lo nuevo y lo transitorio mediante una ruptura frontal con la tierra, con el origen, con la niñez, con un colectivo perdido o soñado presenta la idea de un progreso indefinido que acarrea su propia decadencia y saca a relucir el lado oscuro y degradado de un territorio
Para a artista, a trascendencia do Camiño de Santiago “está moi afastada da que tivo na época medieval. Os residentes en Compostela temos a percepción de que se focaliza o turismo como actividade económica e non tanto cultural. Levo 30 anos vivindo nesta cidade e paréceme que as actividades culturais cada vez ocupan un espazo menor. Desapareceron cines, galerías de arte e salas culturais, librarías e programacións culturais. A cidade desprezou absolutamente o pequeno comercio e o sector cultural. O mundo cambiou e nós (inclúome), cos nosos hábitos de consumo, non somos inocentes. Temos que pensar que tamén contribuímos a desencadear este tipo de realidades”.
Ana Gil valora a programación de eventos de arte urbana coma Compostela Photo ou Pasearte, “pequenas iniciativas que apostan por ir máis alá dos camiños coñecidos e entendan a cidade non só como unha estrutura funcional, senón coma un escaparate de reflexión e acompañamento da alma dos paseantes, traballadores ou residentes. O concepto de cidade debería evolucionar cara a espazos máis sostibles e humanizados e estas propostas teñen moito mérito, porque son novas e arriscadas”.
Comentarios recientes