Os portóns dos garaxes do Ensanche compostelán converteranse o próximo ano en soportes para a arte máis actual coa celebración do festival Compostela Photo. A obra de quince fotógrafos consagrados e emerxentes, centrada en imaxes do Camiño de Santiago, reproducirase durante todo un ano en gran formato nas rúas da zona nova, a través desta iniciativa de Santiago Centro que se inaugurará en abril. Este proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.
Esta é unha nova proposta de Santiago Centro para ligar o Ensanche compostelán coa arte de vangarda e entronca coa Mostra de Arte en Escaparates Pasearte, que chegou este Nadal á súa terceira edición. Compostela Photo exhibirá durante 12 meses a obra de 15 fotógrafos noutros tantos portóns de garaxes de rúas e prazas do Ensanche, convertendo a zona nun atractivo para locais e foráneos durante todo o ano.
A organización está seleccionando xa as obras participantes. O fío condutor é o Camiño de Santiago entendido como paisaxe física, humana e cultural: a paisaxe natural e os paraxes singulares, e tamén a paisaxe humana dos territorios que cruza, coas singularidades das súas xentes; e máis paisaxe cultural modelada pola historia. Nesta primeira edición contarase coa presenza de 15 creadores contemporáneos galegos e do resto de España. Na lista figurarán nomes moi coñecidos do panorama fotográfico nacional, así como artistas emerxentes, o que garante a calidade das obras expostas.
Desde un formato orixinal e novidoso, Compostela Photo quere, por unha banda, promover o coñecemento das creacións de fotógrafos contemporáneos entre o público, e, pola outra, poñer en valor a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago. Un terceiro obxectivo é a dinamización da vida cultural e comercial no Ensanche. A intención de Santiago Centro é crear incentivos para que o público local goce da zona con iniciativas singulares e, ao tempo, atraer os moitos visitantes que chegan á cidade cada ano, nun número que se incrementará considerablemente ao se achegar o ano Xacobeo 2021. Así, os veciños poderán convivir durante 12 meses con obras de arte á porta da casa e a zona contará cun factor de atracción para os milleiros de turistas que visitan Santiago e percorren o Camiño.
O director da mostra será Javier Blanco, titular da galería de arte Metro, radicada no Ensanche, e responsable tamén de Pasearte. Nas últimas semanas fíxose unha preselección dos portóns que poderían formar parte da exposición e na actualidade estase contactando coas comunidades de veciños dos edificios nos que se instalarían as obras.
Ademais da exposición de 15 fotografías de gran formato, Compostela Photo incluirá unha programación paralela cun certame fotográfico, visitas guiadas durante todo o ano (singularizadas para distintos colectivos e a realizar en colaboración co Programa de Voluntariado da Universidade de Santiago) e percorridos fotográficos pola cidade e polo Camiño. Ademais, editarase unha guía de visita que estará dispoñible nas principais oficinas de turismo e establecementos hostaleiros do Camiño.
Comentarios recientes