Tono Arias (Allariz, 1965) foi fotógrafo de prensa e cineasta documental dende a década de 1990, colaborando con medios de comunicación como Faro de Vigo, El Mundo, El País ou El Correo Galego. Dende 1992 especializouse como fotógrafo freelance, co seu propio estudo. Na súa obra destacan os retratos da vida cotiá en Galicia, entre o documental e o artístico. A súa obra para Compostela Photo pode verse no portón do garaxe da rúa Xeneral Pardiñas, 16.
«Como creador fotográfico», explica, «gústame moverme na ambigüidade. Aquí propoño unha imaxe aberta á interpretación do espectador, porque sen a súa participación esta creación non está rematada. O significado que adquira depende un pouco da bagaxe cultural de quen a recibe». Para Arias, «as raíces culturais do Camiño de Santiago perdurarán sempre, aínda que actualmente está máis orientado cara ao turismo, está considerado máis un motor económico».
Tono Arias valora a achega á sociedade de iniciativas de arte urbano como Compostela Photo ou Pasearte: «Considero fundamental achegar sempre que sexa posible a arte ao público que habitualmente non accede os museos ou galerías, sempre que as propostas sexan de calidade e non contribúan á banalización da arte e en concreto a fotografía».
Comentarios recientes