A inscrición gratuíta pode facerse xa no correo compostelaphoto@santiagocentro.gal
O Festival de fotografía urbana Compostela Photo organiza para este sábado 24 de setembro unha saída para todas as persoas amantes da fotografía, profesionais ou afeccionadas, na que poderán retratar os detalles dunha etapa do Camiño de Santiago. O percorrido estará guiado polo fotógrafo Sebas Anxo (IG @sebasanxo_foto) e discorrerá na
contorna de Compostela.
Esta segunda edición do certame, que xa se puxo en marcha coa colocación en 15 portóns de garaxes
do Ensanche compostelán de fotografías en gran formato, volve contar con varias actividades paralelas
a esta mostra ao aire libre. A primeira delas é esta saída que se centrará na zona da Sionlla, por onde
discorre a última etapa do Camiño Inglés e onde se atopa o coñecido como Bosque encantado, un
lugar cun gran potencial para deixar voar a imaxinación e non parar de apertar o disparador da cámara.
Para achegarse ao lugar, ponse a disposición dos participantes un autobús que sairá da Rúa da Rosa,
en Santiago, ás 9.30 horas con chegada ao Hotel Castro ás 10.00 horas para comezar o percorrido. A
volta está prevista con recollida no mesmo lugar ás 13.00 horas, chegando de regreso á Rúa da Rosa
aproximadamente ás 13.30.
As persoas que queiran apuntarse deben enviar un correo electrónico para confirmar praza a
compostelaphoto@santiagocentro.gal e poden consultar información detallada na web
www.compostelaphoto.santiagocentro.gal.
Sobre Compostela Photo
Compostela Photo é unha iniciativa da asociación de comerciantes Santiago Centro que conta coa
financiación da Xunta de Galicia, no marco do programa Xacobeo 21-22, e do Concello de Santiago.
Colaboran na súa organización e promoción a Galería Metro, a Asociación Cultural Fotoforum
Compostela e a empresa compostelá Limpiezas Salgado.
Ademais das actividades complementarias, a acción central desta proposta é a convocatoria dun
certame de fotografía. Nestes momentos están expostas na rúa, a través dos portais de garaxes do
Ensanche, varias obras de artistas convidados pola organización, así como unha selección das imaxes
recibidas na anterior edición. Neste 2022 está aberta unha nova convocatoria de recepción de fotos
para profesionais e afeccionados, que deberán enviar as súas capturas, con temática relacionada cos
valores do Camiño de Santiago, a compostelaphoto@santiagocentro.gal antes do 10 de novembro.
Comentarios recientes