O Festival de fotografía urbana Compostela Photo organiza para este sábado 22 de outubro a súa segunda saída fotográfica guiada desta segunda edición. Ademais da mostra nos portóns de garaxes do Ensanche e do certame aberto de foto que remata o 10 de novembro, a organización propón varias actividades paralelas para ledicia de todas as persoas amantes da fotografía, profesionais ou afeccionadas. Nesta ocasión, as persoas que desexen participar poderán retratar os detalles do final do Camiño, a propia cidade de Santiago, dende unha perspectiva diferente da man do fotógrafo Antón Rodicio.

Para reunirse co grupo fixouse como punto de encontro a Galería Metro, situada na Rúa Xeneral Pardiñas, 14-16, ás 10.00 da mañá. Dende aí, cámara en man, partirá a expedición disposta a capturar as mellores imaxes dunha cidade que non por moi retrada deixa de ter un gran potencial para quen goste da fotografía. Está previsto que a actividade remate ás 13.00 horas.

As persoas que queiran apuntarse, de balde, deben enviar un correo electrónico para confirmar praza a
compostelaphoto@santiagocentro.gal