Sheila Pazos (Xenebra, 1986) mestura na súa obra diferentes disciplinas como a fotografía, a pintura e a moda, como se pode comprobar na fotomontaxe que cobre o portón do garaxe do número 26 da Rúa Nova de Abaixo, no Ensanche compostelán. As fotografías de Pazos evocan o inconsciente e a fantasía con cores saturadas, paisaxes, figuras esaxeradas e teatralidade.

A obra que achega a Compostela Photo, explica, «forma parte dunha serie fotográfica denominada ‘Vivir en las nubes’ e ten que ver co período de confinamento, de imaxinar o Camiño de Santiago mesturando o soño con elementos simbólicos: a coliflor simboliza a gastronomía e a ave recorda a lenda que di que o xogo da oca se inventou no Camiño. De todos modos, todo ten un toque absurdo, algo que me interesa moito ultimamente».

Para Sheila Pazos o Camiño «ten un papel fundamental na cultura galega actual. É a razón pola que se coñece a Santiago e a Galicia internacionalmente e, aparte disto, existe unha ampla programación cultural que xira arredor del. Isto é moi enriquecedor para os galegos e para os viaxeiros que nos visitan», di. Compostela Photo forma parte, de feito, da programación da Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.

A arte urbana é, a xuízo da artista, «moi interesante para achegar as creacións á xente. Non todo o mundo entraría nun museo, e penso que así pode avivarse o interese dun grupo de xente que podería ser amante da arte e aínda non o sabe».